domingo, 23 de febreiro de 2014

POÑENDO PALABRAS AOS CADROS DE H.XEADA


Logo de contemplar detidamente algúns dos cadros de H.Xeada, eleximos un cadro representativo por ciclos, para traballar e profundizar un pouquiño máis.

A Infantil e ao 1º ciclo de Primaria, tócalles a parte máis alegre, a festa, as nosas festas, nas que non faltan gaiteiros, pandareteiras, o tamboril e máis o bombo.  Traxe rexional, romarías e foliadas. Monteira, polainas, faxín e saias vermellas, camisolas brancas e cintas tamén vermellas. Moita cor, moita música e moita alegría. Partindo dos cadros de Gaiteiros, pintaron, xogaron cas cores vivas, cores de festa.
 "O pinteiro" (pintor que pinta gaiteiros) é o nome co que Óscar, de 4 anos, se refire a Xeada.

O primeiro ciclo de primaria, con axuda das mestras Montse e Ana Blanco atrevéronse a facer uns movidos gaiteiros, siluetas grandes de cartón para logo de pintalas, poder facer unha composición que acabe nunha "rolda de muiñeiras". Así se escoitan os "lalalás" de cores intensos.

2º ciclo de Primaria. Céntrase nos cadros das esceas de traballo. Traballo no campo e traballo no mar. Persoas enfaenadas nos portos e tamén no campo. Mariñeiros, peixeiras. A escea á que lle poñen título descripción e palabras é unha escea mariñeira: gaivotas, mar, peirao, peixe e peixeiras, descarga.





Costou moito, ao principio poñer as palabras. Empezaron por intentar poñerlle un título. Rapaces e rapazas de 3º curso propuxeron títulos como: Traballando no porto, Mar de peixes, As mulleres e o peixe,.. e ata As do peixe (como a obra de teatro de Cándido Pazó, na carteleira de Viveiro en febreiro).
Pois, a primeira observación foi que, ainda que é unha escea de mar, das sete persoas que aparecen, seis de elas son mulleres. En primeiro plano, mulleres e peixe. Traballo.

Logo dun título suxerente, comezaron a escribir cousiñas sobre aquelo que lles ía dicindo o cadro. Álgúns fixeron unha descrición do cadro,eso sí, coidando a estrutura das frases e o seu escrito. Outros imaxinaron a conversa entre o mariñeiro e a familia, nena e nai. A conversa das mulleres mentras traballan...tamén foi tema dalgún dos escritos.
Ainda están escribindo e repasando...pero pronto nos amosarán os seus textos.

 Os maiores, 3º ciclo. 5º e 6º curso tamén poñen palabras a un cadro elexido para eles, xusto porque son os maiores. Pois, cadro de avós.
 Avós e avoas, persoas maiores con experiencia de vida e moita sabedoría. Xa vimos dicindo en moitas ocasións que os maiores son moi importantes na nosa sociedade.
O traballo que fixeron as rapazas e rapaces foi do máis interesante. 6º centrouse primeiro, para agudizar e practicar a observación silenciosa, na parte artística. Probou a facer unha recreación do cadro calculando o espazo, dividindo o espazo segundo as indicacións da mestra Cristina. Pronto se deron conta das simetrías que encerra o cadro, do xogo de simetrías maravilloso. Un parque. Dous bancos. Unha árbore detrás de cada banco. Catro persoas en cada banco. Interaccionan de dous en dous... Canta simetría!
Tamén estudaron as cores. Xa non eran as cores vivas dos gaiteiros, os azuis e verdes do traballo do mar e da terra, eran cores frías propias da moda dos nosos avós.
Profundizando 5º e 6º na parte artística observaron unha técnica que lles chamou moito a atención porque se repite en moitos cadros do artista Xeada: Os trazos brancos, os perfís brancos e as sombras brancas  que rodean as figuras humanas e lle proporcionan un efecto de resalte xenial. ( Serían os Nimbos, os mesmos que dan título ó libro do poeta Díaz Castro, homenaxeado das Letras Galegas 2014. ) Claro que o noso alumnado ainda non sabe o que son os Nimbos pero ...esa aureola de branco brillo arredor das persoas que traza Xeada pode ser unha pista para comprender.
Nas pinturas de Xeada resaltan as persoas,iso está claro. Persoas que conversan, que falan, que contan historias e son testigas do pasado. As persoas do cadro falan ainda que non as escoitemos. Toca que os maiores nos conten as historias.
De todas as historias que se atreveron a contar a partir do cadro de estudo, destacamos e reproducimos a de Sergio Rojo, de 5º curso.
Poñemos outra vez o cadro para situarnos e, logo, atentos a ista tenra e preciosa historia da man de Sergio.


O BANCO DA ESTACIÓN   , por Sergio Rojo, 5º EP 

Cada día, no parque da Estación, xúntanse moitas persoas maiores, para pasar un pouco de tempo entretidos.
Xosé e Pedro, viven alí preto do parque. Os dous coñécense hai moitos anos, pois traballaron xuntos na mina da Silvarosa. Teñen sempre moito que falar, lembranzas e penurias pasadas. Agora Pedro necesita un caxato para camiñar. Ao lado dos vellos amigos están María e Rosa, que son as súas mulleres. Elas tamén hai moito tempo que se coñecen. Sempre falan de receitas de cociña que intercambian e tamén falan de costuras. Cando María e Rosa eran máis novas, as dúas cosían. Agora están preparando os disfraces para os netos. Falan dos netos.
Noutro banco están sentados Antón e Ana. Eles hai uns anos viñeron retornados de Arxentina. E encántalles este parque e este banco onde esperan unha raiola de sol. Sempre que poden, sentan no mesmo banco.
Na esquina, están sentados dous veciños doutro barrio, que todos os días que poden, veñen camiñando co seu can.
O banco é un lugar de reunión para todos eles. Moitas veces levan as cartas por se xogan a partida. O parque é un sitio moi agradable por onde pasa moita xente porque preto do Parque está a Estación do tren.


Grazas Sergio, por tan bonita historia , e grazas a todos e todas que participan con moita ilusión deste conxunto de actividades de aprendizaxe e Competencias. GRAZAS!  

Anímate a observar os cadros e a contar historias sobre eles!
Ponlle palabras ao que ves! Inténtao, verás que historias aparecen!
                       





Ningún comentario:

Publicar un comentario