xoves, 23 de xaneiro de 2014

AXUDAMOS A JUAN CO GALEGO E APRENDEMOS TOD@S

Gústanos escoitar a Juan falando galego!

Juan chegou o ano pasado ao colexio. Dende o ano pasado encontramos mellora na súa escoita e tamén na súa fala. Despois de catro anos escolarizado nun colexio de xordos, foise adaptando ben ao balbordo diario dunha comunidade oínte. Un mundo sonoro onde o vemos disfrutar cada día. Con Juan  aprendemos a valorar un pouco máis  o sentido do oído e o sentido da vista. Descubrimos que o oído é a base da linguaxe e da fala e que a vista é un canal moi valioso de entrada de información, fundamental para Juan.

O noso é un colexio Plurilingüe no que manexamos moitas linguas: galego, español, lingua extranxeira e agora tamén incluimos o BIMODAL. Estamos aprendendo signos e axudas  para comunicar mellor con Juan. Pois, o que máis traballo lle costa a Juan é a Lingua Galega. Así que este ano artellamos un Plan que leva por título: "Axudamos a Juan co Galego e aprendemos tod@s". 

No Programa de Actividades do Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua incluimos a Homenaxe do artista mariñano Hipólito Xeada.

 O martes, Juan estivo en 6º curso para presentar e explicar quen era Hipólito Xeada. Foi unha hora máxica na que houbo cambio de roles. O alumnado de 6º experimentou o silenzo e escoitou falar a Juan. 
"Actitude,a nosa fortaleza" Así comezaba a interesante presentación.
 Coa súa actitude e o seu esforzo Juan demostranos aquelo que dicían as avoas: "Non hai peor xordo que o que non quere oir". E dicir, que o importante é a ACTITUDE e tamén o ESFORZO.
Cando se ten limitacións para a entrada de informacións, búscanse solucións, búscase o xeito para que a información entre e vaia ata o cerebro para poder procesala. Pero, cando as vías de entrada non teñen limitacións pero somos nós que non as activamos, a información non entra e non podemos procesala. Estamos cegos e xordos de actitude. Por iso necesitamos despertar os sentidos e manterse activos no noso interior. SENTIR E APRENDER. Con arte e con sentido!


Pois así, mudo de boca, atento de sentidos e activo de cabeza, permaneceu o alumnado de 6º durante unha hora. Contemplaron a obra pictórica de Hipólito Xeada, esa GALICIA VISUAL coa que nos agasalla H.Xeada. Disfrutaron.

Tomaron conciencia e interesáronse polas formas de comunicación, polos sistemas aumentativos,...



A  Asociación galega  TADEGa (Tecnoloxías e Atención á Diversidade),na súa páxina web anunciaba hoxe a nova Galería multimedia con moitísimos recursos para a Comunicación Aumentativa, enlaces de interés, signos do Bimodal, Fala Signada ( versión en galego de "Habla Signada",Divertic.Murcia),... É moi recomendable visitar a páxina e mergullarse no mundo da Comunicación Aumentativa. 
O enlace para ir directo:  TADEGA.Galería

Grazas, TADEGa. Grazas Divertic! Pola ACTITUDE e o ESFORZO.


Ningún comentario:

Publicar un comentario