luns, 24 de febreiro de 2014

NOVA BIBLIOGRAFÍA PARA TRABALLAR

Novos libros de base para traballar esta temporada de Proxectos e actividades. Poesía, muller, sentimentos, ROSALÍA.
Ademais dos textos, audios e videos que temos de outros anos, este ano decidimos facer algo orixinal sobre a figura de Rosalía. Para iso solicitamos un libro novidade, de agora, de Xaneiro do 2014.


ROSALIA DE CASTRO. Imaxe e Realidade.
Autor: Fernando Pereira Bueno
Editorial Xerais,2014

Tratase dun libro para os mestres, en principio, para traballar sobre a imaxe de Rosalia de Castro e logo dar a coñecer a o alumnado técnicas e ilustradores galegos de grande relevancia. Do retrato serio do óleo á caricatura, o "pop art" e a banda deseñada así como outras técnicas modernas.
Poñerlle rostro á Nosa Rosalía... e á súa poesía.

Marzo. Muller. Contemporánea a Rosalía, distinta pero galega e da época...


 EMILIA PARDO BAZÁN. Unha nena seducida polos libros.
Autora: María Xosé Queizán
Ilustradora: Ana Santiso
Editorial Xerais, 2014

Un libro moi completiño para irse cos rapaces e rapazas un século atrás e entender como podería ser a vida desa época: Ciencia, libros, muller e sociedade. Contado para nenos e nenas. Pódese aprender moito. De seguro que haberá que traer varios exemplares para a Biblioteca...Un libro que pode gustar moito.

ENTROIDO,... DE RODA EN RODA


DE RODA EN RODA. Músicas e danzas do mundo.
Autores: Suso Cancelas
              Javier Jurado
              Pilar Sampil
Editorial Galaxia, 2013
Contén CD e DVD

Fantástico para o traballo que temos pensado levar a cabo este Entroido. Despois de moito deliverar e discutir unha temática xeral acorde cos Proxectos do Centro, acordamos facer unha Mostra Folclórica coas culturas e países implicados este ano. Os socios Comenius (Francia, Polonia, Rumanía e España) do Proxecto Shall we dance? máis Galicia, América con Katie e Italia, con Lisa. Pois aproveitamos para aprender das distintas culturas, repartimos o traballo e preparamos traxes rexionais e un baile representativo de cada un dos países ou culturas.

A Infantil tócalles Galicia, a 1º curso España, 2º curso América, 3º curso Italia, 4º curso Francia, 5º curso Romanía e 6º curso Polonia.

Interesante traballo! Damos grazas ás familias que colaboran desde as súas casas para poder completar os disfraces. Xa vimos o bonito que é facer as cousas coordinadas e en grande grupo, todos remando ao mesmo compás. Pois, unha vez máis necesitamos da colaboración das familias para a base dos disfraces mentras no colexio elaboramos o disfraz e o baile para a Mostra Folclórica.
Así presentaremos e daremos sentido e moita significatividade ao Proxecto Europeo Comenius que comeza este curso, coñecemos dos países socios e dos bailes e culturas.
Comenius, Extraescolares, Biblioteca, Dinamización Lingüística,... todo o Centro e toda a Comunidade  traballando conxuntamente.
E veña Entroido e veña Meco.Mañá non esquecer o sombreiro!

Grazas ao Equipo de Biblioteca por facerse cargo desta nova Bibliografía.
Seguiremos buscando libros interesantes para poder levar a cabo os nosos Proxectos e aprendizaxes.
A disfrutar dos bos libros!

Ningún comentario:

Publicar un comentario