domingo, 19 de xaneiro de 2014

XANEIRO CON "X" DE XEADA

X
 Substantivo masculino
Letra número vinte e dous do abecedario galego. O seu nome é " xe".
Palabras como xente, xeada, xaneiro ou xabaril levan un xe como letra inicial.

XANEIRO é o mes no que estamos. O primeiro mes do ano. Mes de inverno.

A "XEADA"  que coñecemos ben  é a propia das nosas noites frías de inverno. Temperaturas inferiores a cero grados de xeito que se conxela a auga. Polas mañás podemos ver unha capa fina e branca de xeo que se forma ao conxelarse o orballo.

Desde este mes de Xaneiro imos coñecer outra XEADA que incorporar ás nosas enciclopedias." H. XEADA". O artista Hipólito Xeada: pintor, escultor e tallista da nosa Comarca, A Mariña Lucense.
A frescura das súas obras deixanos xeados, deixanos de pedra! Que Marabilla!. O seu trazo tan perfecto, o seu colorido, as súas esceas tan familiares e tan galegas! H. Xeada pinta o que ve pero faino con unha xenialidade e un estilo moi especial. H. Xeada agasállanos con unha GALICIA VISUAL e con el aprenderemos, entre outras cousas que o Galego vai máis alá da Lingua. Existe unha cultura que é nosa, un sentir que se pode expresar de moitos xeitos, con e sen palabras. GRAZAS, XEADA!



Os gaiteiros da entrada anterior e o cartel da Festa do Queixo de Arzúa son obra de este artista, con firma H.XEADA. 




Color, acción, foliada e romaría! Estes cadros teñen moita música e moita muiñeira! Moitos son os seus cadros de gaiteiros! Ate parece que soa a gaita de verdade, mirando os cadros.



O "pinteiro", palabra nova de Óscar de 4 anos, referíndose ao" pintor que pinta gaiteiros".

Pois xa comezamos a traballar con este artista para facerlle unha das nosas HOMENAXES. Buscamos información, investigamos e documentámonos para saber máis sobre H.XEADA. Propuxemos ao alumnado que buscase información (Plan LIA: Lectura, Información e Aprendizaxe . Bibliotecas Escolares). Non o atopaban nos libros nin tampouco nas enciclopedias así que buscaron na rede. Alumnado e mestres non encontraban moita información elaborada. Así que partimos da máxima do "sentido común" e a aventura de sentirse xornalistas. Se Hipólito Xeada está vivo e é da Comarca, de Alfoz, temos máis que suficiente para facer un bo traballo e unha boa homenaxe. É veciño, a xente da zona coñéceo ou coñece a alguén que o coñece...
Botamos man da Hemeroteca, posto que existen varios artigos en prensa que documentan exposicións e premios artísticos  acadados por Xeada, dentro e fora da nosa Comunidade, en Llobregat e ate en New York e en Miami. Ate América levou os gaiteiros,a nosa paisaxe, a xente do mar e da terra, aos nosos avós, os hórreos e as Murallas de Lugo. 


                                   "Gustaríame poder expoñer na Feria Arco".
                                    Xornal   El Progreso. 11/2/2013

 H. Xeada é o autor da grande estatua do centro de San Cibrao, expuxo varias veces en Burela, en Foz, tamén en Viveiro. Gañou premios en certames de carteis anunciadores de eventos: Festa do Bonito de Burela, Festa do Queixo de Arzúa,... Noutros certames como o que reuniu a varios artistas en Viveiro, para pintar o seu  "casco antiguo" tamén levou premio. 


Xa imos descubrindo que Xeada é un artista moi completo: pintor, escultor, tallista,... e participante e gañador de premios relacionados coas artes plásticas. Fai arte ate con area! Concretamente referímonos ás figuras na area da praia de Barreiros. Todos os veráns ten lugar un Concurso de arte na area  en Barreiros.








Vale a pena coñecer mellor a este artista e á súa interesante obra!
Coñeces a H.Xeada? Coñeces a súa obra? Queres axudarnos a documentarnos máis? Pois, adiante! Calquera información ou fonte de información será benvida e moi útil para o noso traballo.










As imaxes que acompañan esta entrada foron atopadas na rede polo alumnado de 3º ciclo de E.P. no seu traballo de documentación, durante o primeiro trimestre: no Google imaxes, fotos que acompañaron notas de prensa dos xornais El Progreso e La Voz de Galicia,
en blogs como Forxando un gaiteiro,...


                            ( Entrade e navegade por este interesante blog sobre o mundo da gaita.)

 Algunha outra imaxe e foi sacada por mestres nalgunha visita á exposición na Torre Pardo de Cela (Alfoz) o verán pasado, Agosto 2013.



Ningún comentario:

Publicar un comentario