mércores, 24 de xuño de 2015

RAG. REAL ACADEMIA GALEGA VERSUS REAL ACADEMIA DE GALDO.

As siglas RAG poden corresponderse a Real Academia Galega ou...Real Academia de Galdo!

Todos os anos, cando se acerca a festividade das Letras, o noso alumnado investiga e documéntase sobre a Real Academia Galega...Quen son? Que fan?...

A síntese á que chegan é algo así como...un grupo de xente moi sabida, moi estudosa, que decide a quen se lle adica cada ano As Letras Galegas...

Os maiores do cole, artistas dos paneis informativos, non acaban de entender como é a elección da persona homenaxeada cada ano. Para un maior entendemento, e a modo de humorística representación...creamos no nos cole a nosa propia RAG: Real Academia de Galdo!


Esta institución, sen ánimo de lucro, ten claro a quen lle adicaría AS LETRAS 2070... a Paco Luis Rodríguez Guerreiro, o que foi profesor titor  dos grupos que agora van en 5º e 6º curso. Recoñecen o seu esforzo pola defensa pola Lingua e a Cultura Galega e lembran a súa diversa obra: poesías sobre as árboles e a ciencia, O Rap da Fariña, Teatro : As avoas eran ben boas, A Princesa do Courel que perdeu o anel, Os cegos e a vaca,... E miles de argalladas varias, todas elas en relación coa defensa da Lingua e a Cultura Galega.


Para nós é un orgullo que Paco Luis fora mestre no noso cole. Agora pasou a mellor vida, á vida de xubilado! El sempre dixo: "Tárdame xubilarme posto que teño moitas cousas que facer!" E así foi... O mestre de escola Paco Luis é a día de hoxe  o presidente do Colectivo Pensamento e Sementeira. O mesmo colectivo que trae moitas actividades culturais a Viveiro: concertos de cantantes galegos de renome, cine e audiovisual galego coa oportunidade de falar e coñecer aos protagonistas,...

Grazas, mestre Paco Luis, polo teu legado!
Por que Letras Galegas 2070? Pois...porque esperamos unha longa vida para Paco Luis e...posto que hai que esperar mínimo 10 anos do seu falecemento para ser homenaxeado nas Letras Galegas...a conta sae no 2070, por exemplo!

Pode que a elección do homenaxeado sea polémica ou haxa xente que non lle guste a figura homenaxeada... Nunca chove a gusto de todos! Sirva de exemplo a proposta da RAG para As Letras 2015.
Unhas boas propostas  que existen e que están máis que xustificadas para As Letras 2016: Manuel María ou Filomena Dato...


A Real Academia de Galdo apoia a proposta do Concello de Bergondo para adicarlle a Filomena Dato as Letras Galegas 2016!

Quen foi...FILOMENA DATO? Pois...ante todo unha muller...contemporánea e compañeira de loita de Emilia Pardo Bazán. A segunda muller tras Rosalía en publicar un libro de poemas en galego...
FILOMENA DATO MURUAIS... naceu  no 1856 e finou no 1926...
Poeta, sobre todo!

Destacamos uns versos por atopalos ben fermosos...

Na Mariña, entre loureiros,
teño unha casiña branca;
teño paz e teño amor.
Estou vivendo no ceo!

Fermosos versos, verdade? Non vos lembra á primeira homenaxeada nas Letras, á nosa querida Rosalía? As Letras comenzan con Rosalía no 1963, non sí?


A obra desta Filomena Dato está caracterizada pola defensa das mulleres, alusión a Galicia e admiración por Rosalía...

Ademáis da súa obra poética convén destacar a súa labor de xornalista para varios xornais, como o Heraldo Gallego.

En 1906 pasa a ser membro correspondente da recentemente fundada Real Academia Galega: RAG!

Queremos máis? É a candidata ideal...Manuel Fraga pode esperar...detrás de Manuel María, Isaac Díaz Pardo ou Paco Luís Rodriguez Guerreiro... non é verdade?

Por alusións e responsabilidades, asina este artigo o Equipo de Dinamización da Lingua do CEIP Plurilíngüe Santa Rita de Galdo, sendo coordinadora do Equipo a mestra Ermi Orol. 

O noso desexo: a poeta Filomena Dato, protagonista das Letras Galegas 2016! Convencidos da súa idoneidade e do seu valor didáctico!

Todos e todas con Filomena Dato nas Letras Galegas 2016! Real Academia Galega...un pouco de sentidiño!

Ningún comentario:

Publicar un comentario