martes, 6 de decembro de 2016

MAGOSTO

Como todos os anos, este curso tamén celebramos o magosto no colexio. Para a celebración, fixemos unha saída para recoller as castañas dos castiñeiros e realizamos na clase un adorno para a cabeza e unha cesta para as castañas.
Con todo isto xa estabamos preparados para o Magosto 2016!
Ese día realizamos xogos populares e degustamos castañas asadas!





DÍA DO PEÓN!

Co gaio do Día do Peón, realizamos unha exposición de peóns na estrada do colexio. Nela o alumnado podía colocar o seu peón e, ademáis, podíase escribir un refrán no mural que acompañaba a exposición.


Tamén se convocou o certame "Decora o teu peón", no que, o peón máis orixinal e mellor decorado levará un premio!

luns, 3 de outubro de 2016

POR FIN ESTAMOS DE VOLTA!!

POR FIN ESTAMOS DE VOLTA!!! Que gañas tiñamos de volver a publicar cousiñas neste blog e poder compartir con pais, nais, avós, avoas, tíos... os traballos que nenos e mestres estamos a facer no colexio ao longo do curso. Xa comezamos o segundo trimestre e xa fixemos un montón de actividades desde setembro: recollimos froitos, elaboramos receitas, celebramos o Samaín e o Magosto, fixemos exposicións de cabazas e peóns, fixemos o festival de Nadal... e agora xa estamos a preparar actividades para o Entroido. Así que estade atentos porque nos próximos días publicaremos fotos e vídeos de todo o realizado, así que non deixedes de visitarnos. ESPERÁMOSVOS!!

martes, 14 de xullo de 2015

GRANDE ÚLTIMO ENCERRO...SAN FERMÍN 2015

Hoxe, 7 + 7 de xullo é noticia o oitavo e último dos encerros San Fermín 2015. Na capital de Navarra, en Pamplona!

"A San Fermín pedimos, por ser nuestro patrón
que en este encierro nos dé su bendición.
¡Viva San Fermín!"

Berro, chupinazo e a correr co Miura polas rúas de Pamplona...


Tamén é noticia neste día que noutras zonas de España protestan porque non queren touros. Por exemplo, o novo alcalde da cidade da Coruña anulou a corrida de touros programada na cidade para o mes de Agosto.

No CEIP Plurilíngüe Santa Rita, en Galdo adiantámonos xa no Entroido a o Noso peculiar  San Fermín 2015.

Indumentaria sinxela, roupa branca que trouxeron da casa (Grazas familias!) e faixa e pano vermello feito con bolsa de plástico. Para unha tropa menuda: Infantil .


Preparados para o encerro?!
Xornais envoltos na man... A falta do patrón Santo Fermín ...temos a Martín de 5 anos. Dende o alto berra para os corredores que axitan os xornais.
Viva o San Fermín!




A mestra Luisa convertiuse nun fermoso touro de Miura disposto a embestir...


Non houbo cornadas...pero case...

O encerro foi no Ximnasio. As lombeiras facían a función das defensas ou valados de madeira que poñen en Pamplona polas datas do San Fermín.




Que ben se caracterizaron! Metéronse de cheo no papel.
 Estudaron a letra da canción que acompañou ao encerro:

Uno de enero, dos de febrero, tres de marzo, cuatro de abril....

Un de xaneiro, dous de febreiro, tres de marzo, catro de abril...




Por que Infantil San Fermín?

Dentro do noso Proxecto de Entoido temático de Mostra folclórica rexional inspirada no Espectáculo Sorolla do Ballet Nacional de España, ...a mellor opción para Infantil era un traxe sinxelo de elaborar e ao mesmo tempo algo moi vistoso no que a xente menuda poidese participar.



luns, 6 de xullo de 2015

MANUEL MARÍA NAS LETRAS 2016!

Unha das novas que saía en prensa e en televisión este fin de semana foi que o presidente da Real Academia Galega RAG ,Xesús Alonso Montero ,anunciou que o homenaxeado das Letras Galegas 2016 será o poeta lucense da Terra Chá...MANUEL MARÍA.

Para nós...unha alegría! Pois...gústanos a súa poesía!
Ademáis, a Real Academia de Galdo considera esta figura idonea para traballar no eido escolar polo seu grande valor didáctico . Ideal para traballar coa xente menuda!

Temos moitos recursos e o respaldo da Fundación que leva o seu nome

Ligazón á Fundación Manuel María


Un clásico da nosa literatura infantil... OS SOÑOS NA GAIOLA. (1ª edición no 1968) Existe o libro disco, proxecto de Suso Vaamonde 2006 a partir dos poemas.
Poemas que falan....do noso e da nosa!




O primeiro poema leva por título GALIZA e di así:

GALIZA

Galiza docemente 
está ollando ao mar;
¡ten vales e montanas
e terras para labrar!

Ten portos, mariñeiros
cidades e labregos
¡cargados de traballos
cargados de trafegos!

Galiza é unha nai 
velliña, soñadora
¡na voz da gaita rise,
na voz da gaita chora!

Galiza é o que vemos:
a terra, o mar, o vento.
¡Pro hai outra Galiza
que vai no sentimento!

Galiza somos nós:
a xente e máis a fala
¡Si buscas a Galiza
en ti tes que atopala!


mércores, 24 de xuño de 2015

RAG. REAL ACADEMIA GALEGA VERSUS REAL ACADEMIA DE GALDO.

As siglas RAG poden corresponderse a Real Academia Galega ou...Real Academia de Galdo!

Todos os anos, cando se acerca a festividade das Letras, o noso alumnado investiga e documéntase sobre a Real Academia Galega...Quen son? Que fan?...

A síntese á que chegan é algo así como...un grupo de xente moi sabida, moi estudosa, que decide a quen se lle adica cada ano As Letras Galegas...

Os maiores do cole, artistas dos paneis informativos, non acaban de entender como é a elección da persona homenaxeada cada ano. Para un maior entendemento, e a modo de humorística representación...creamos no nos cole a nosa propia RAG: Real Academia de Galdo!


Esta institución, sen ánimo de lucro, ten claro a quen lle adicaría AS LETRAS 2070... a Paco Luis Rodríguez Guerreiro, o que foi profesor titor  dos grupos que agora van en 5º e 6º curso. Recoñecen o seu esforzo pola defensa pola Lingua e a Cultura Galega e lembran a súa diversa obra: poesías sobre as árboles e a ciencia, O Rap da Fariña, Teatro : As avoas eran ben boas, A Princesa do Courel que perdeu o anel, Os cegos e a vaca,... E miles de argalladas varias, todas elas en relación coa defensa da Lingua e a Cultura Galega.


Para nós é un orgullo que Paco Luis fora mestre no noso cole. Agora pasou a mellor vida, á vida de xubilado! El sempre dixo: "Tárdame xubilarme posto que teño moitas cousas que facer!" E así foi... O mestre de escola Paco Luis é a día de hoxe  o presidente do Colectivo Pensamento e Sementeira. O mesmo colectivo que trae moitas actividades culturais a Viveiro: concertos de cantantes galegos de renome, cine e audiovisual galego coa oportunidade de falar e coñecer aos protagonistas,...

Grazas, mestre Paco Luis, polo teu legado!
Por que Letras Galegas 2070? Pois...porque esperamos unha longa vida para Paco Luis e...posto que hai que esperar mínimo 10 anos do seu falecemento para ser homenaxeado nas Letras Galegas...a conta sae no 2070, por exemplo!

Pode que a elección do homenaxeado sea polémica ou haxa xente que non lle guste a figura homenaxeada... Nunca chove a gusto de todos! Sirva de exemplo a proposta da RAG para As Letras 2015.
Unhas boas propostas  que existen e que están máis que xustificadas para As Letras 2016: Manuel María ou Filomena Dato...


A Real Academia de Galdo apoia a proposta do Concello de Bergondo para adicarlle a Filomena Dato as Letras Galegas 2016!

EDITORIAL COMO CHO CONTO!

Queridas familias e Comunidade Educativa:

O Grupo Editorial COMO CHO CONTO formado este ano por alumnado axudado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega, pide disculpas polo retraso que leva nas publicacións prometidas.
Alumnado de 5º e 6º Abalar e recente incorporación de alumnado de 4º curso  (os novos "abalares" no curso vindeiro). Eles e elas, os protagonistas de dar as novas, de informarse e informar á poboación...
Radio e prensa escrita!

Este terceiro trimestre foi moi sobrecargado de traballos e proxectos varios para todos, alumnado e profesorado. O alumnado de 6º moi nervioso pensando na súa marcha e no Festival de Fin de Curso, ateigados de traballos para Comenius :bailes, gravacións... As saídas, preparar o Acto de Graduación,...
5º e 4º tamén notaron a presión, ademáis das clases, dos exames, tiveron que preparar as súas achegas para As Letras, GaldoNatura e Horto, Proxecto Terra, Actuacións para o Festival,...
O profesorado...non daba atopado  momento de correxir o material que ía chegando...e tamén con moitas historias entre máns... Por iso a cousa retrasouse máis do previsto!
Non importa! Trátase do primeiro ano desta experiencia con xornalistas tan novos...imos amodo e aprendendo sobre seguro!

Este Grupo Editorial comezou o curso facendo Radio e traballando sobre guións, entrevistas, cuñas publicitarias,... Radio Galdo! Traballando pola e para a Escoita. Podcast de recitado especial Rosalía, teatro lido para radio sobre libros da biblioteca ou contos, curiosidades e celebracións... Gustoulles moito e colléronlle gusto a gravarse!

A tarefa complícase cando se trata da escrita para publicar, xuntando imaxe e texto para informar. Non lles resultou doado pero esforzáronse moitísimo para facelo ben e ir mellorndo os seus escritos.

As súas primeiras experiencias como xornalistas! Como xornalistas en Galego! Escribindo para este blog! Documentándose, narrando, elexindo as imaxes precisas,..

O Equipo de Dinamización da Língua logo das correcións pertinentes e  revisións de todo o material feito e entregado, xa está a facer todo o posible para ir publicando neste blog todo ese traballo.

Sabemos que vos gustará! De novo disculpas e...ata a próxima publicación do xove Grupo Editorial Como cho conto!

Equipo de Dinamización da Lingua