xoves, 23 de xaneiro de 2014

AXUDAMOS A JUAN CO GALEGO E APRENDEMOS TOD@S

Gústanos escoitar a Juan falando galego!

Juan chegou o ano pasado ao colexio. Dende o ano pasado encontramos mellora na súa escoita e tamén na súa fala. Despois de catro anos escolarizado nun colexio de xordos, foise adaptando ben ao balbordo diario dunha comunidade oínte. Un mundo sonoro onde o vemos disfrutar cada día. Con Juan  aprendemos a valorar un pouco máis  o sentido do oído e o sentido da vista. Descubrimos que o oído é a base da linguaxe e da fala e que a vista é un canal moi valioso de entrada de información, fundamental para Juan.

O noso é un colexio Plurilingüe no que manexamos moitas linguas: galego, español, lingua extranxeira e agora tamén incluimos o BIMODAL. Estamos aprendendo signos e axudas  para comunicar mellor con Juan. Pois, o que máis traballo lle costa a Juan é a Lingua Galega. Así que este ano artellamos un Plan que leva por título: "Axudamos a Juan co Galego e aprendemos tod@s". 

No Programa de Actividades do Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua incluimos a Homenaxe do artista mariñano Hipólito Xeada.

 O martes, Juan estivo en 6º curso para presentar e explicar quen era Hipólito Xeada. Foi unha hora máxica na que houbo cambio de roles. O alumnado de 6º experimentou o silenzo e escoitou falar a Juan. 
"Actitude,a nosa fortaleza" Así comezaba a interesante presentación.
 Coa súa actitude e o seu esforzo Juan demostranos aquelo que dicían as avoas: "Non hai peor xordo que o que non quere oir". E dicir, que o importante é a ACTITUDE e tamén o ESFORZO.
Cando se ten limitacións para a entrada de informacións, búscanse solucións, búscase o xeito para que a información entre e vaia ata o cerebro para poder procesala. Pero, cando as vías de entrada non teñen limitacións pero somos nós que non as activamos, a información non entra e non podemos procesala. Estamos cegos e xordos de actitude. Por iso necesitamos despertar os sentidos e manterse activos no noso interior. SENTIR E APRENDER. Con arte e con sentido!


Pois así, mudo de boca, atento de sentidos e activo de cabeza, permaneceu o alumnado de 6º durante unha hora. Contemplaron a obra pictórica de Hipólito Xeada, esa GALICIA VISUAL coa que nos agasalla H.Xeada. Disfrutaron.

Tomaron conciencia e interesáronse polas formas de comunicación, polos sistemas aumentativos,...



A  Asociación galega  TADEGa (Tecnoloxías e Atención á Diversidade),na súa páxina web anunciaba hoxe a nova Galería multimedia con moitísimos recursos para a Comunicación Aumentativa, enlaces de interés, signos do Bimodal, Fala Signada ( versión en galego de "Habla Signada",Divertic.Murcia),... É moi recomendable visitar a páxina e mergullarse no mundo da Comunicación Aumentativa. 
O enlace para ir directo:  TADEGA.Galería

Grazas, TADEGa. Grazas Divertic! Pola ACTITUDE e o ESFORZO.


domingo, 19 de xaneiro de 2014

XANEIRO CON "X" DE XEADA

X
 Substantivo masculino
Letra número vinte e dous do abecedario galego. O seu nome é " xe".
Palabras como xente, xeada, xaneiro ou xabaril levan un xe como letra inicial.

XANEIRO é o mes no que estamos. O primeiro mes do ano. Mes de inverno.

A "XEADA"  que coñecemos ben  é a propia das nosas noites frías de inverno. Temperaturas inferiores a cero grados de xeito que se conxela a auga. Polas mañás podemos ver unha capa fina e branca de xeo que se forma ao conxelarse o orballo.

Desde este mes de Xaneiro imos coñecer outra XEADA que incorporar ás nosas enciclopedias." H. XEADA". O artista Hipólito Xeada: pintor, escultor e tallista da nosa Comarca, A Mariña Lucense.
A frescura das súas obras deixanos xeados, deixanos de pedra! Que Marabilla!. O seu trazo tan perfecto, o seu colorido, as súas esceas tan familiares e tan galegas! H. Xeada pinta o que ve pero faino con unha xenialidade e un estilo moi especial. H. Xeada agasállanos con unha GALICIA VISUAL e con el aprenderemos, entre outras cousas que o Galego vai máis alá da Lingua. Existe unha cultura que é nosa, un sentir que se pode expresar de moitos xeitos, con e sen palabras. GRAZAS, XEADA!



Os gaiteiros da entrada anterior e o cartel da Festa do Queixo de Arzúa son obra de este artista, con firma H.XEADA. 




Color, acción, foliada e romaría! Estes cadros teñen moita música e moita muiñeira! Moitos son os seus cadros de gaiteiros! Ate parece que soa a gaita de verdade, mirando os cadros.



O "pinteiro", palabra nova de Óscar de 4 anos, referíndose ao" pintor que pinta gaiteiros".

Pois xa comezamos a traballar con este artista para facerlle unha das nosas HOMENAXES. Buscamos información, investigamos e documentámonos para saber máis sobre H.XEADA. Propuxemos ao alumnado que buscase información (Plan LIA: Lectura, Información e Aprendizaxe . Bibliotecas Escolares). Non o atopaban nos libros nin tampouco nas enciclopedias así que buscaron na rede. Alumnado e mestres non encontraban moita información elaborada. Así que partimos da máxima do "sentido común" e a aventura de sentirse xornalistas. Se Hipólito Xeada está vivo e é da Comarca, de Alfoz, temos máis que suficiente para facer un bo traballo e unha boa homenaxe. É veciño, a xente da zona coñéceo ou coñece a alguén que o coñece...
Botamos man da Hemeroteca, posto que existen varios artigos en prensa que documentan exposicións e premios artísticos  acadados por Xeada, dentro e fora da nosa Comunidade, en Llobregat e ate en New York e en Miami. Ate América levou os gaiteiros,a nosa paisaxe, a xente do mar e da terra, aos nosos avós, os hórreos e as Murallas de Lugo. 


                                   "Gustaríame poder expoñer na Feria Arco".
                                    Xornal   El Progreso. 11/2/2013

 H. Xeada é o autor da grande estatua do centro de San Cibrao, expuxo varias veces en Burela, en Foz, tamén en Viveiro. Gañou premios en certames de carteis anunciadores de eventos: Festa do Bonito de Burela, Festa do Queixo de Arzúa,... Noutros certames como o que reuniu a varios artistas en Viveiro, para pintar o seu  "casco antiguo" tamén levou premio. 


Xa imos descubrindo que Xeada é un artista moi completo: pintor, escultor, tallista,... e participante e gañador de premios relacionados coas artes plásticas. Fai arte ate con area! Concretamente referímonos ás figuras na area da praia de Barreiros. Todos os veráns ten lugar un Concurso de arte na area  en Barreiros.








Vale a pena coñecer mellor a este artista e á súa interesante obra!
Coñeces a H.Xeada? Coñeces a súa obra? Queres axudarnos a documentarnos máis? Pois, adiante! Calquera información ou fonte de información será benvida e moi útil para o noso traballo.










As imaxes que acompañan esta entrada foron atopadas na rede polo alumnado de 3º ciclo de E.P. no seu traballo de documentación, durante o primeiro trimestre: no Google imaxes, fotos que acompañaron notas de prensa dos xornais El Progreso e La Voz de Galicia,
en blogs como Forxando un gaiteiro,...


                            ( Entrade e navegade por este interesante blog sobre o mundo da gaita.)

 Algunha outra imaxe e foi sacada por mestres nalgunha visita á exposición na Torre Pardo de Cela (Alfoz) o verán pasado, Agosto 2013.



sábado, 18 de xaneiro de 2014

É necesario ir “De festa en festa” este ano? É obrigatorio ou é unha Proposta?


Ir “de festa en festa” aprendendo con alegría é una proposta   moi estudada que responde  a un traballo iniciado e  encaixado seguindo coas  propostas de proxectos dos anos anteriores que tiveron éxito por ser Propostas cheas de Oportunidades de aprendizaxe que inclúen a participación de toda a Comunidade Educativa.
Elixir esta Proposta non é casual. Para chegar ao folclore fomos facendo camiño. Sempre intentando relacionar as nosas propostas con outros Proxectos cos que estemos traballando no cole  (Comenius, Portfolio das Linguas, Galicons,…) Todo está relacionado e trátase de buscar os nexos para traballar dentro dun tema aberto que permita encardinar e encaixar coordinadas as propostas dos Equipos de traballo do centro, aínda que logo cada Equipo teña responsabilidades distintas nas actividades conxuntas.
Distintas Memorias finais porque existen distintos Equipos pero as temáticas de traballo son abertas e inténtanse que estean relacionadas unhas con outras. Para poder traballar de xeito globalizado.
Vexamos, por exemplo, a traxectoria que levamos para chegar a propoñer o folclore e  “Ir de festa en festa” este curso.

SOCIEDADE, GASTRONOMÍA E FOLCLORE.

Os Equipo de Dinamización e Normalización da Lingua e o Equipo de Biblioteca traballan conxuntamente para facer Propostas  abertas, que inclúan á Comunidade Educativa co fin de aprender e conectar a xeneralidade dos libros de texto coa NOSA REALIDADE, a do noso contexto, as nosas familias, a nosa xente, a nosa cultura e o noso xeito. Darlle sentido e significatividade práctica ao que lemos  nos libros  e ao que traballamos diariamente na escola, dándolle o valor de utilidade e cercanía, a xusta para verlle sentido e  implicarse nas tarefas da escola.


SOCIEDADE

Hai dous cursos lanzamos a “Campaña das Avoas” con moitísimo éxito de participación. Grazas a esa participación e implicación das familias coñecemos as avoas da nosa Comunidade a través dos propios netos e netas. Presentamos ás avoas e aprendemos moitísimo sobre a nosa sociedade. Unha sociedade na que os avós e sobre todo as avoas son una peza fundamental.
Tamén aprendemos ao mesmo tempo cousiñas moi directas sobre a lingua: vocabulario e normas ortográficas, pois…había que facer a ficha das avoas; facelas  públicas e ninguén quería cometer erros escribindo.

Todo comezou, coma sempre, nunha festa comunitaria: no Entroido! Fomos da temática As Etapas da vida das persoas. Rapazas e rapaces do 2º e 3º ciclo intercambiaron os xéneros: eles eran elas e elas eran eles. Avós e netos xuntáronse nunha celebración. Xurdíu e estaba nacendo a Campaña dos Avós, Campaña das Avoas, porque estábamos en marzo, mes das mulleres traballadoras fóra e dentro da casa. Homenaxe aos nosos maiores.



















Unha das actividades que se propuxo foi presentar as avoas e facer unha ficha con foto e  datos persoais, ocupacións e habilidades.
Logo se encheu o colexio de avóas e toda a comunidade podía coñecer e aprender moito lendo e investigando sobre as protagonistas da homenaxe.









GASTRONOMÍA

O curso pasado seguimos coas avoas “A lingua das avoas” traballando expresións dos nosos maiores, dos nosos avós, que non veñen no dicionario.
Repasamos as Fichas das polifacéticas avoas e…atopamos que ademais dos traballos que facían a maioría cociña ou cociñaba moi ben: caldo, cocido,  callos, empanadas…
Así que a Proposta foi gastronómica: AS NOSAS RECEITAS, O caldo de Galdo, O meco gastronómico e o Entroido dos traballos arredor da comida( dende o sector primario ao sector servizos), O Rap da fariña,… Lembramos!





















E no Entroido, comidas e sobremesas de avoas!


 As potas do caldo de Galdo, de Infantil, que explicaban que levaban verde verdura pero tamén levaban vermello polo chourizo!


             O Meco gastronómico foinos preparando ao longo da semana ate estar listos para facer as chulas e as filloas.




O Mar.Mariñeiros e redeiras, xente do mar que nos trae o peixe fresco!



O Agro. Xente da terra, que coida as plantas e os animais para obter alimentos. Labregos e labregas, gandeiros e gandeiras.



O sector secundario. A industria. Das materias primas aos produtos elaborados.
A Conserva. Galbo, o Bonito de Galdo ( dentro do Plan Proxecta e dentro do Proxecto Galicons, traballouse sobre a conserva do Bonito). 





 Técnicas modernas de Publicidade e marketing para anunciar o noso producto, como...o home conserva, por exemplo!

Tiñamos responsable de Calidade, persoal para a descarga e peladoras.




Unha vez máis enlazamos Proxectos  para traballar conxuntamente. Pois, somos unha Comunidade pequena con moitos traballos e temos que facer deste xeito. Todo está relacionado e os aprendizaxes teñen máis sentido e significatividade.

O pan de cada día! 

Algúns libros  que empregamos para traballar vocabulario e outros aspectos da Lingua e das Nosas Receitas.



Panadeiros e panadeiras que traballan no muiño facendo pan a ritmo da muiñeira fan fariña e logo pan. Con axuda do mestre Paco Luís armaron O Rap da Fariña.









Á festa acudiron cociñeiros e cociñeiras de prestixio para coñecer máis de preto a cociña de Cunqueiro, base da nosa gastronomía.  










Desfilaron camareiros e camareiras coas súas bandexas!


O Equipo médico tamén estaba presente, para atender as urxencias e tratar as alerxias alimenticias.


Gabriel, o enfermeiro de garda, descansando e papando unha filloada!



Moito traballiño durante o curso e moitos aprendizaxes sobre lingua e cultura. Sobre a importancia que ten o alimento e a gastronomía na nosa sociedade.

FOLCLORE 

A gastronomía chama ao folclore. Somos galegos e galegas. Gústanos as festas! O noso calendario está cheo de festas! Por calquera cousa facemos celebracións. Hai cousa máis galega que unha festa?! Reúnese a xente arredor dunha mesa. Fálase, discútese, compártese o momento, cómese e bébese, hai música, cántase e bailase. Moitas son as nosas festas  gastronómicas: Festa do Queixo, Festa do Pan, Festa da Pescada, Festa do Bonito, Festa do Percebe,…




As festas son unha parte moi importante da nosa vida social e da relación co noso entorno directo, coa nosa xente e os nosos recursos. Celebramos o traballo conxunto, o traballo feito entre todos. Entón poñémonos contentos e temos ganiñas de cantar e bailar. De desfrutar xuntos despois do esforzo e o  traballo.
As receitas xa as temos. Traballámolas o curso pasado. Temos a comida. (Outono de recolleita antes do tempo frío) Este curso  preparamos a bebida (Setembro de Vendima)



( Podes consultar o noso boletín Como cho conto)



 e toca o  folclore: Música e danza. Baile.







Ademais o novo Proxecto Comenius que comezamos este curso leva por título Shall we dance? Bailamos? Pois…bailamos!
Bailamos, Santa Rita?
Bailamos! “Yes of course

Que soen as gaitas, as pandeiretas, bombo e tamboril, que nos arrancamos cunha Ronda de Muiñeiras!